música

lunes, 13 de mayo de 2013

LETRAS GALEGAS 2013

Este venres celebramos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS este ano adícase aaaaaaaaaaaa........
"Roberto Vidal Bolaño armou un Teatro Nacional desde a conciencia das necesidades, desde a necesidade de superación das marxes que a realidade impuña".

1 de 9


Roberto Vidal Bolaño

Biografía


Roberto Vidal Bolaño naceu en Compostela o mesmo ano en que morreu Castelao en Buenos Aires. Foi o derradeiro día do mes de xullo, no barrio de Vista Alegre, un barrio proletario compostelán onde empezaría máis adiante os seus primeiros estudos. Entre o seu nacemento e a data na que se dá conta da estrea da súa primeira peza teatral, 1965, cando só tiña quince anos, a súa vida transcorre entre o traballo e uns precoces inicios formativos co cinema e coa literatura, que acompañaban os seus días de estudo. Desde moi novo, con apenas doce anos, comeza a traballar como administrativo nunha empresa de recambios de coches. Ata que lle toca ir a Ceuta para facer o servizo militar no exército español, entre os anos 1971 e 1973, coñece oficios que van desde os ultramarinos ou o automóbil ata unha axencia de viaxes. Mais as ataduras laborais, en dedicación e en tempo, e a humana pulsión que o convidaba a se liberar delas encirran a súa necesidade de formación e enriquecemento artístico e cultural.


A narración de historias con personaxes en movemento que se exhiben en toda a súa complexidade ante os ollos de todos parece fascinalo especialmente. Primeiro, o mundo do cine, que o manterá sometido ás súas luces e aos seus modos narrativos para sempre. Tamén como espectador dalgunhas representacións teatrais, as que pode haber na Compostela da época, coma a dun Auto Sacramental na praza da Quintana a cargo da compañía Ditea, dirixida por Agustín Magán. A súa formación intelectual íase configurando tamén, supoñemos, nos estudos que en horario nocturno proletario seguía no Instituto Xelmírez, disque coa intención de conseguir o título de bacharelato elemental para poder matricularse na Escola Oficial de Cine de Madrid. Foi un proxecto truncado, pois uns anos despois, cando estaba disposto a ingresar na Escola, esta pechou. Non lle quedou máis remedio que ir adquirindo a súa formación cinematográfica lonxe das frías paredes dunha escola da época. Acumulouna engordiño a base de ver moito bo cine e tamén de tomar clases prácticas dos mellores mestres posibles: de Wells, do sempre admirado John Ford, de Bergman, de Pasolini, de todo aquel que tivese algo que dicir na arte das figuras en movemento e que o dixese dunha maneira diferente, extraordinaria. No ano 1964 asiste ás sesións do cineclub da Asociación Fotográfica Compostelana, onde toda a súa intuición narrativa e dramática se alicerza xa cun coñecemento máis directo dos grandes mestres do cinema universal e cos vangardismos que na altura lle dan potencia á expresión cinematográfica. Toda esta amálgama de coñecementos e experiencias debuxa unha pegada resistente en cada un dos textos que Roberto Vidal Bolaño nos deixou. Nada do seu teatro se entendería sen o seu amor polo cine. Roberto sempre recoñeceu que en realidade o seu desexo era ser director, pero a ausencia dunha industria audiovisual e dun campo cinematográfico normalizado —ou con proxección normalizadora— fixeron imposible que a súa utopía vital cristalizase. Non é que a súa obra teatral sexa a consecuencia dunha frustración, en absoluto; non deixa de ser unha feliz coincidencia esixida pola teima de Vidal Bolaño en armar un artefacto literario e teatral á medida das súas necesidades vitais e superador das potencialidades desta nación. Sempre, desde o Rexurdimento ata os nosos días, o campo literario galego é o resultado de múltiples vontades de superación das condicións que a realidade de dependencia e subalternidade impoñen. Roberto Vidal Bolaño armou un Teatro Nacional desde a conciencia das necesidades, desde a necesidade de superación das marxes que a realidade impuña.

A súa condición de asalariado e de home en proceso de formación relaciónano, sendo aínda un neno, coas Xuventudes Obreiras Cristiás, as XOC, que constituíron a porta de acceso á militancia sindical e política antifranquista durante a Longa Noite de Pedra. Precisamente, a súa primeira peza teatral, O Xogadeiro, estréaa Roberto Vidal Bolaño no colexio Placeres de Marín, durante a celebración do Día do Aprendiz programado por esta organización obreira. Por desgraza, non conservamos esa obra fundacional do seu teatro. Mais aí, nesa experiencia sen testemuña, comeza a historia do autor máis prolífico da nosa literatura, do dramaturgo esencial do noso teatro, do cineasta que dirixiu teatro porque non puido facer cine.

No ano 1971, entra en contacto co Equipo Lupa, formado un ano antes por Euloxio R. Ruibal e Félix Casado. Co Equipo Lupa, Vidal Bolaño bate, ademais, con certas formas do teatro popular, con formas de representación parateatral nucleares nas manifestacións antropolóxicas de Galicia. O traballo do Equipo Lupa non pode colmar as aspiracións cinematográficas de Roberto, entre moitos outros aspectos, por mor da brevidade de tan interesante experiencia, que non chegaría para aló de tres anos máis, pero permítelle adquirir un gran coñecemento da cultura popular galega e das súas representacións parateatrais. Tamén lle serve para afianzar o coñecemento das técnicas narrativas e cinematográficas coas que xa se ía familiarizando uns anos antes como atento espectador. A experiencia co Equipo Lupa, enormemente enriquecedora, tamén lle serve para tomar contacto, da man de Euloxio Ruibal, con dramaturgos como Bertolt Brecht, por quen sempre sentirá unha admiración especial que o levará mesmo a armar a súa Ópera de a patacón (1994). Tamén coñece por esa época a Meyerhold, un autor esencial para o teatro contemporáneo e para a súa relación coa creación cinematográfica. En Roberto Vidal Bolaño, a relación entre o teatro e o cinema e a concepción rupturista do espazo teatral e do decorado estarán presentes en cada un dos seus textos, en cada unha das súas montaxes, en cada dramaturxia. Estábase producindo nel, nesa súa primeira fase creativa, unha dualidade de intereses que non o abandonaría endexamais. Sempre que puido, participou en proxectos audiovisuais, ben como actor, ben como guionista, ben como creador, e esa era a súa forma de satisfacer a comprendida necesidade dun audiovisual galego, dun Cine Nacional que nos servise como expresión cultural. Son moitos os proxectos que Roberto Vidal Bolaño transfigurou en linguaxe audiovisual. A maior parte deles non puideron cristalizar. Os tempos nunca foron bos para esta expresión cultural, aínda hoxe sumida na subalternidade. E esa subalternidade explica así mesmo que no período de multiplicación de proxectos e produtoras audiovisuais, con importantes apoios públicos, Roberto Vidal Bolaño quedase á marxe. Ninguén, quitada algunha excepción, recorreu a el como guionista nin como director. Ninguén confiou nos múltiples proxectos que ideou. A subalternidade audiovisual galega e o seu sometemento ao mercado impediron que Roberto Vidal Bolaño lle ofrecese a un Cinema Nacional o que lle ofreceu ao teatro e á literatura dramática. O Cinema Nacional foi substituído por un cinema subalterno, e a lingua galega non foi protagonista do campo audiovisual como o foi e o será do teatro e a literatura. E da relación entre o teatro e a lingua é responsable maior Roberto Vidal Bolaño, cuxa importancia histórica é semellante á dos nosos poetas do Rexurdimento. Vidal Bolaño, con Curros, Rosalía, Pondal. Non foi o del un labor realizado en solitario, certo, nin é o primeiro autor de textos teatrais en galego, pero o seu traballo de máis de trinta anos moi frutíferos fixo posible que a dramaturxia galega sexa tamén, coma a literatura, territorio independente.

En 1974 entra a traballar nunha oficina bancaria de Compostela, pero xa dá pasos cara á súa profesionalización no teatro. Crea con Xaquín García Marcos o grupo de teatro Antroido e dirixe en 1975 o espectáculo Amor e crimes de Xan o Panteira, de Eduardo Blanco-Amor, no que participa tamén como actor. Un ano despois, chega Laudamuco, señor de ningures, aquela reflexión sobre as formas do poder tan próxima ao esperpento, que recibirá o Premio Abrente. A peza publicarase en 1977, canda as Ledaíñas pola morte do Meco.

En 1976, casa con Laura Ponte, unha das nosas máis grandes actrices. Roberto Vidal Bolaño vive unha fase dunha intensa actividade teatral e creativa. Son os primeiros anos dun teatro galego que toma conciencia de si, nos que Vidal Bolaño é figura dinamizadora e protagonista das montaxes máis sobranceiras como director, como dramaturgo e tamén como actor. Talvez entre todas elas, o Laudamuco sexa a máis lembrada, porque irrompeu nun tempo escuro coma un disparo de luz e de liberdade expresiva e creativa. Pero entre o ano en que se crea o grupo Antroido e o da creación do Centro Dramático Galego (1984), na que Roberto participa tamén activamente, hai unha manchea de obras que lle dan corpo á nosa dramaturxia e empezan a facer posible que hoxe poidamos falar dunha literatura dramática plenamente activa no campo literario galego.

En 1977, Roberto Vidal Bolaño é despedido da entidade bancaria na que traballaba. Esa incidencia laboral tamén determinará a intensidade e a insistencia da súa dedicación ao teatro. Memoria de mortos e ausentes (1978), Antroido na rúa (1978), Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro (1983) son algúns dos seus espectáculos durante o dito período. Mais neses anos destaca sobre todo a estrea, un 16 de maio de 1978, do citado Laudamuco, señor de ningures, no Colexio La Salle, de Santiago de Compostela, dirixido por Eduardo Alonso, no que Roberto é actor protagonista. E tamén a estrea en 1980 do seu texto Bailadela da morte ditosa, un espectáculo do Teatro do Estaribel con dirección de Eduardo Alonso, que recibiría ese mesmo ano o Premio Abrente. O Teatro do Estaribel fora unha cooperativa na que participaron os grupos Antroido e Andrómena.

En 1983, Roberto Vidal Bolaño regresa a unha das súas actividades recorrentes: a dramaturxia sobre textos doutros autores da literatura galega. Era 1983, e o Percival e outras historias de X.L. Méndez Ferrín líase coma un clásico da nosa literatura e interpretábase non só en clave literaria senón tamén na súa dimensión política. Roberto mergúllase no seu universo e constrúe unha brillante dramaturxia para o espectáculo Percival, producido por Teatro Antroido, no que participa ademais como actor protagonista e director. O Percival de Roberto Vidal Bolaño, un espectáculo multidisciplinar no que se combinan actores con bonecos e se acompaña con música e proxeccións, vai recadando un éxito notable en Galicia e fóra. Consegue un importante número de representacións e, como era de esperar, tamén recada polémica tanto pola súa proposta estética como pola súa liña política, que deriva do texto e o espectáculo enfatiza á mantenta. Roberto Vidal Bolaño nunca esquivou expresarse sen censuras, construíndo a súa arte coas ferramentas máis ousadas, en claro compromiso sempre con ela e mais coa realidade, cos pobres, cos derrotados e cos excluídos, fosen individuos, fosen pobos. Galicia foi, por tanto, cerna das súas preocupacións e dedicacións. Galicia como personificación do seu pobo traballador, humilde e oprimido. O texto orixinario de Méndez Ferrín era un excelente punto de partida para armar un dos espectáculos máis ousados e profundos da historia da nosa dramaturxia. Esa ousadía artística —e política— e esa profundidade guiaron sempre o labor artístico de Roberto Vidal Bolaño, por riba de calquera outra consideración, e tal independencia arriscada non lle impediu establecer unha relación moi frutífera co público espectador, que acudiu en grandísimas cantidades aos seus espectáculos. Todo o contrario. Era a súa maior garantía.

O mesmo ano da creación do Centro Dramático Galego, Roberto Vidal Bolaño escribe e dirixe Agasallo de sombras, unha visión desmitificadora e densa arredor de Rosalía de Castro e da súa relación con Manuel Murguía. A obra, poética, fermosa e dura a un tempo, é a segunda montaxe do CDG. E, curiosamente, o que debería de ser o inicio dunha colaboración estreita, continua e mutuamente enriquecedora entre o noso centro dramático nacional e o autor, director e actor que se implicou vitalmente na edificación do teatro que o CDG debía coidar, proxectar, asentar e desenvolver, acabou por ser o principio dun período en que o dramaturgo sufriu certo distanciamento do ámbito teatral e participou máis continuadamente nalgunhas actividades da industria audiovisual. A razón non foi unha escolla persoal de Vidal Bolaño, senón a consecuencia dunha polémica que mantivo con representantes do poder político, dos que dubidaba que tivesen o interese suficiente polo teatro galego como para que deles dependese o CDG. Roberto Vidal Bolaño foi consecuentemente belixerante na defensa non só do teatro nacional senón do propio centro dramático, e iso custoulle verse apartado da posibilidade de seguir colaborando coa institución durante unha boa temporada. Foi literalmente vetado polo poder político e a pesar de todo non recibiu o apoio e a solidariedade necesaria da totalidade dos seus compañeiros de profesión. O seu Caprice des Dieux, un monólogo estreado en 1985, escrito e interpretado por el, é unha visión profundamente crítica do teatro galego e dos seus personaxes.

Esta experiencia convídao a tomar distancia respecto ao teatro institucional e mesmo respecto á posibilidade de desenvolverse profesionalmente no eido teatral. Así, sen abandonar a escrita nin o espectáculo teatral, a súa participación en proxectos audiovisuais vai tomando máis corpo. E será no sector audiovisual no que encontre, ata o ano 1991, en que obtén o Premio Álvaro Cunqueiro con Saxo Tenor, a súa principal fonte de ingresos.

No ano 1985, nace a Televisión de Galicia, e con ela empeza a andar o xermolo das primeiras industrias audiovisuais. Entre elas, a da dobraxe de películas ao galego. Roberto Vidal Bolaño participa como actor, director de sala e director artístico da produtora CTV-Galaxia neses primeiros pasos que a nova actividade artística empeza a dar en Galicia. Asume ese traballo non só como un medio de vida, senón como un labor profesional e artístico de primeira importancia para un proceso de normalización cultural e lingüística que empeza a pilotar a TVG, que emite a totalidade da súa programación en galego. A TVG será o primeiro medio de masas da historia de Galicia que se enfronte á necesidade de cubrir a totalidade da súa programación con todo o repertorio de roles da lingua, de amosala, polo menos virtualmente, como unha lingua plenamente normalizada. Para ese labor ten que contribuír tamén, e coa máxima eficacia, a dobraxe de películas. Entre elas, algunhas das obras mestras do cinema universal, que tan ben coñecía Roberto. Contribuír a activar unha industria da dobraxe en Galicia podía ser un interesante primeiro chanzo para armar o imprescindible sistema audiovisual galego. O cine galego plenamente normalizado tería moito avanzado se a industria da dobraxe se asentaba e se a relación entre as producións dobradas e o gran núcleo de espectadores era frutífera. A ese importante labor se consagrou tamén, durante un período importante da súa vida, Roberto Vidal Bolaño.

Durante eses anos de traballo para a industria audiovisual, ensaiou a posibilidade de elaborar produtos que puidesen constituírse nun xermolo contemporáneo da industria cinematográfica que nunca tivemos e do cinema nacional que inda nunca deu cristalizado de todo. Roberto Vidal Bolaño comprendía que o labor da TVG era central nese proceso, por iso proxectou diversas propostas de produción para a televisión pública. Así, contra 1987 escribe e dirixe Novo de Parmuíde, unha película de 56 minutos baseada en relatos de Álvaro Cunqueiro. Pero tamén contribúe como actor noutros proxectos, como Sempre Xonxa (1989), de Chano Piñeiro, película fundacional do noso incipiente cinema nacional, ou como a serie emitida pola TVG Os outros feirantes (1989), dirixida por Xosé Cermeño e baseada en textos da obra homónima de Álvaro Cunqueiro. O seu Novo de Parmuíde fora, ó cabo, o xermolo non só desta serie, senón tamén doutras experiencias posteriores que quixeron engastar a expresión literaria galega e a nacente cultura audiovisual. Por esa época, comeza tamén a rodaxe do episodio piloto da serie Morosos Varios, que el mesmo escribe e dirixe.

Durante todos eses anos, desde a creación do CDG ata que funda en 1992 con Belén Quintáns a compañía Teatro do Aquí, o teatro non deixa nunca de estar na cerna das súas actividades creativas, pero inviste moitos esforzos, e non todos co resultado merecido, en proxectos para un campo audiovisual galego que non quixo ver nel máis ca o excelente actor que tamén era. Son moitos os produtos audiovisuais que Vidal Bolaño proxecta, e non sempre con receptividade por parte das empresas do sector. Talvez porque os proxectos eran pouco coincidentes. Por iso, a participación do noso dramaturgo en producións audiovisuais foi máis importante como actor; poucas veces lle ofreceron dirixir ou escribir unha película, unha serie, un episodio. Ata que no ano 2001 participa como guionista e como actor na miniserie Un Mundo de Historias, unha produción da TVG consistente na adaptación de relatos da nosa literatura. Roberto Vidal Bolaño encargouse da adaptación de "Cara de Lúa", de Ánxel Fole, e de "O noxo" de Eduardo Blanco-Amor. Tamén estaba previsto que dirixise os episodios correspondentes a eses relatos, pero a súa enfermidade, diagnosticada no medio da rodaxe, apartouno desa posibilidade. Ademais dos guións destes dous episodios, Roberto Vidal Bolaño participou ata os seus últimos días no equipo de desenvolvemento dese proxecto da TVG.

Durante o seu período de maior actividade audiovisual, Roberto seguiu escribindo, dirixindo e producindo teatro. Cochos (1986) é talvez a súa peza máis salientable, aínda que tamén cómpre destacar a súa dirección, canda John Easthman, do grupo Chévere, da adaptación da Salomé de Oscar Wilde.

Roberto Vidal Bolaño sepárase de Laura Ponte no ano 1988. Ese mesmo ano comeza unha relación sentimental con Cruz Comesaña, unha das actrices máis activas do momento. Esa relación creba en 1989 por culpa da morte prematura da actriz. En 1992 volve casar, desta volta con Belén Quintáns, a quen coñeceu un par de anos antes, que sería a súa compañeira ata o derradeiro momento, non só no plano persoal, senón tamén no profesional. Con ela funda ese mesmo ano a compañía Teatro do Aquí, coa que Roberto Vidal Bolaño, con Belén como produtora, poñería en escena talvez o máis poderoso da súa inxente produción dramática. Un ano antes, en 1991, conseguía o Premio Álvaro Cunqueiro coa súa obra Saxo Tenor, unha peza dramática de clara raizame cinematográfica. Entre ese ano e o ano da súa morte, en 2002, Roberto, sen abandonar de todo a súa conexión co mundo audiovisual, sobre todo como actor e esporadicamente como guionista e director, reintégrase con plenitude ao campo teatral. Son, talvez, os seus anos máis produtivos, non só como dramaturgo, tamén como actor, director, iluminador, etc. É a satisfacción dunha das súas metas: a plena profesionalización teatral.

Dese mesmo ano 1992 é Días sen gloria, que obtén o Premio Rafael Dieste e queda finalista do Premio Nacional de Literatura. Tamén saen ás librerías algúns dos seus textos xa clásicos, como Bailadela da morte ditosa, Agasallo de sombras ou Cochos. En 1993 dirixe para a súa compañía Saxo Tenor. O espectáculo é probablemente a primeira grande produción do teatro galego independente. O texto será publicado por Edicións Xerais de Galicia. Tamén estrea coa mesma compañía Días sen gloria, dirixida por Quico Cadaval, na que participa como protagonista.

En 1994, Roberto Vidal Bolaño recibe o primeiro premio do certame Camiño de Santiago de Teatro Profesional por unha obra que necesariamente ía levantar polémica: As actas escuras. Era o derradeiro decenio do século XX, pero preguntarse pola verdade e as súas formas, pola relación entre a relixión e a ciencia, pola razón e a fe, pola certeza dunha investigación ocorrida no século XIX arredor do que realmente garda a tomba do Apóstolo de Compostela talvez non era a mellor maneira de gañar a aprobación do poder político. Talvez o nacionalcatolicismo triunfante en 1936 non abandonara aínda o terreo conquistado. As actas escuras sufriron un proceso que as condenou ao silencio. Os que convocaron o premio incumpriron as súas propias bases. O texto non chegou á edición ata 1997, cando a AS-PG o publica nun volume colectivo, canda un texto de Manuel Lourenzo e outro de Euloxio R. Ruibal. Máis tarde, xa falecido Roberto, o Concello de Santiago e A Nosa Terra farían unha fermosa edición conxunta con ilustracións de Pepe Carreiro. As actas escuras tampouco sairían ao escenario ata máis de quince anos despois, nun espectáculo dirixido por Xulio Lago para o CDG. Roberto non puido chegar á estrea. A literatura de Roberto Vidal Bolaño non deixou nunca de dar voltas iradas e críticas ao redor do poder e as súas múltiples formas. Voltas en espiral, en avance directo ao corazón negro do dominio, da explotación, do control. As actas escuras son un episodio máis desa brillante carreira literaria, neste caso en forma dunha peza dramática de estrutura e tramas cinematográficas, unha película sobre un escenario contada coa mestría espacio-temporal e de creación de personaxes que se lle esixiría á mellor das novelas. Nesta obra, Roberto Vidal Bolaño móstrase coma un dos escritores máis sobranceiros e profundo da nosa literatura.

Sería interminable unha relación exhaustiva de todos os seus textos, estreas, premios e galardóns diversos nos últimos dez anos da súa vida. Abonde con lembrar algunhas outras das pezas cimeiras da súa literatura, e da literatura galega, como Rastros, estreada en 1998, Doentes, Premio Rafael Dieste en 1997, Anxeliños (1997), Criaturas (2000), A burla do galo (2000), Mar revolto (2001) ou Sen ir máis lonxe, un monólogo estreado en 1999 e publicado en 2002 na revista A Trabe de Ouro, dirixida por X.L. Méndez Ferrín, quen o cualificou coma o testamento teatral de Roberto Vidal Bolaño. Pero a carón dese mangado de textos, que sen dúbida fan parte esencial da literatura galega, tamén deixou o seu labor como dramaturgo na adaptación e dirección dalgunhas obras doutros dos nosos autores senlleiros. Entre elas, cómpre destacar a súa montaxe do texto de Daniel Cortezón Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999) e, sobranceiramente, a Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo, un autor que Roberto Vidal Bolaño admirou coma a poucos. Esta derradeira fase da súa vida foi tan prolixa en textos e montaxes teatrais coma en merecidos premios, non só como autor, senón tamén como actor, como director, como escenógrafo e mesmo como iluminador. Era o constante e merecido recoñecemento a unha figura capital do noso teatro e da nosa literatura.

No ano 2002, a compañía Teatro do Aquí estrea Animaliños, unha montaxe na que Vidal Bolaño non só achega o texto, senón tamén a dirección, o espazo escénico e a iluminación. É o seu derradeiro traballo dramático. O 11 de setembro, pouco despois da publicación do monólogo Sen ir máis lonxe, a enfermidade, que non o dera apartado dos escenarios nin dos seus textos, armouse de carraxe e levouno canda ela. Morreu na cidade en que viu a luz por primeira vez. Morreu en Compostela. Só tiña 52 anos, e deixaba tres fillos, Roi, Miguel e Carme, e unha obra tan intensa e xenial como numerosa. Estaba no mellor da súa vida creativa. Ninguén saberá nunca canto podería aínda achegarlles ás nosas letras de non ser por unha morte tan extemporánea. Pero si que sabemos o que nos deixou: unha grandiosa obra dramática e un compromiso humano e vital inesquecibles.
Os amigos, familiares e compañeiros velámolo aquel 11 de setembro de 2002 no Salón Teatro, fielmente acompañado polo seu chapeu e o seu nariz de pallaso. Ao outro día, deixámolo descansando para sempre en Boisaca. Orfos da súa compaña, pero enriquecidos coa súa inmensa capacidade creativa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario